Como preparar unha entrevista de traballo para axente de seguros?

Preparar unha entrevista de traballo para axente de seguros con antelación é imprescindible para conseguir un bo resultado. Cada vez hai máis competencia e anticiparte ao que te podes encontrar pode chegar a marcar a diferenza con respecto a outros candidatos e candidatas.

Para poderes dar o mellor de ti e aumentar as túas posibilidades de éxito na entrevista, neste artigo explicámosche os 5 aspectos previos clave que debes ter en conta e tamén algunhas das preguntas que che poderían facer.

 

Preparación previa á entrevista de traballo para axente de seguros

Revisa, actualiza e personaliza o teu currículo

Este punto pode ser previo ao de ir á primeira entrevista en persoa. Non obstante, aconsellámosche que, antes dela, revises e estudes o teu currículo e penses no que podes resaltar en cada punto. É probable que a persoa que te entreviste che pregunte sobre iso.

Analiza a oferta de traballo, a empresa e os seus produtos ou servizos

É importante analizar a descrición da oferta e do posto de traballo para entender as capacidades e habilidades que o empregador espera de ti. Ademais, realizar unha busca sobre a empresa e os seus produtos e servizos adoita ser recomendable para familiarizarte coa súa cultura. Hoxe en día é unha boa opción consultar o web da compañía e os seus perfís en redes sociais. Podes consultar o web de MGS Seguros aquí: https://www.mgs.es/wps/.

Anota posibles dúbidas para consultar

Unha vez analizada a oferta de traballo e os produtos e servizos da empresa, podes optar por anotar as dúbidas que che xurdisen e formulalas de forma reflexiva durante a entrevista. Isto axudarache a mostrar o teu interese ao entrevistador ou entrevistadora.

Conecta a túa experiencia co posto ao que optas

Conectar a túa experiencia laboral co novo posto ao que estás optando pode ser unha moi boa opción para demostrar as túas habilidades. Ademais, iso pode axudar a que a persoa que te entrevista te coñeza mellor e se cree un ambiente de confianza.

Xestiona os nervios e sé natural e sincero/a

Os expertos indican que unha das claves máis efectivas para que che vaia ben nunha entrevista de traballo é ser natural e sincero e demostrar confianza nun mesmo. Prestar atención á comunicación non consciente e adecuarte ao código de vestimenta habitual da empresa son outros consellos que podes aplicar.

 

Preguntas dunha entrevista para axente de seguros

A seguir, facilitámosche unha pequena lista de preguntas que poden chegar a realizarche nunha entrevista para un posto de axente de seguros para que poidas analizalas e pensar cales serían as respostas no teu caso particular. Como che indicabamos máis arriba, o ideal é que relaciones cada unha delas coa túa experiencia profesional.

Neste aspecto é importante que entendas que non existen respostas correctas ou incorrectas, senón que o que a persoa entrevistadora vai querer ver é como te desenvolves.

Por que che interesa ser axente de seguros?

Coñeces a nosa compañía?

Tes experiencia en vendas e atención ao cliente?

Cales dirías que son as túas principais habilidades relacionadas coa venda?

Cales pensas que son as calidades máis importantes que debe ter un axente de seguros?

Como manexarías unha obxección por parte dun cliente?

Como te achegarías a un cliente novo?

Como te asegurarías de manter unha boa relación cos clientes existentes?

Por que consideras que es a persoa idónea para esta vacante?

Como ves, son varios os aspectos que podes revisar previamente a unha entrevista de traballo para axente de seguros para asegurar que vaia o mellor posible. Revisar os aspectos indicados e pensar nas posibles respostas ás preguntas máis xerais e repetidas na maioría das entrevistas pode ser unha moi boa opción para te preparares.

Se che interesa coñecer máis sobre a profesión de axente de seguros e como te podes desenvolver como experto/a en xestión de riscos… En MGS buscamos xente coma ti!